O vindeiro domingo 6 de outubro imos presentar en Londres o libro “Palabras de miña vida”, de Isabel Villanueva (Isa Shopaholic e O Galego Mola). O evento vai ser no St John’s Hill Community Centre (Clapham Estate, St John’s Hill, London, SW11 1TY) de 11:30 a 13 horas. A entrada é de balde e teredes a oportunidade de mercar unha copia do libro e levalo para casa asinado pola autora.
Isabel Villanueva Mariño, nacida en Carballo, lánzase ao mundo 2.0 no 2010 cun vídeo en Youtube. A modo de hobbie ía subindo vídeos variados, de cousas cotiás que lle gustaba compartir.
Pouco a pouco vai medrando en todas as redes sociais, pero hai dous anos foi cando deu o salto definitivo para dedicarse profesionalmente á xestión da súa marca persoal “Isashopaholic” e, posteriormente, crea “O galego mola”, un lugar onde comparte cos seguidores o idioma, lembranzas, impresións, reflexións, receitas en galego e lugares de Galicia.
No libro “Palabras de miña vida” a autora dáse a coñecer a través de dúas ducias de palabras galegas, palabriñas da súa vida. Palabras coas que se criou, que usa acotío e que a transportan a momentos da súa infancia. Con estas vinte e catro palabras vainos
levar a coñecer tradicións de Galicia e vainos trasladar a situacións e a acontecementos que, con toda certeza, moitos de vós tamén vivistes. Gozade moito del porque “o galego mola”.
Esperamos que vos acheguedes e nos sigades axudando a seguir tecendo un espazo para difundir e compartir a cultura galega no Reino Unido.
Agardámosvos!
