Maratón de Galeguidades

A véspera do Día de Galicia participamos no Maratón de Galeguidades organizado polo IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e a Deputación da Coruña.

Foi un maratón de TV por internet con 30 entrevistas a persoas e entidades da diápora galega espalladas por todo o mundo. 28 países, con saída en Australia e remate na Arxentina, en 12 horas e 23 minutos.

Podedes acceder á entrevista de REGA-UK neste enlace da nosa canle de YouTube. Compartimos pantalla con Teresa Barro, pensadora coruñesa emigrada a Londres a mediados dos anos 60. Fundou o Grupo de Traballo Galego (GTG), que a finais do franquismo publicou un dos primeiros plans pedagóxicos para o ensino do galego. Traduciu a Alicia de Carroll ao galego (xunto co seu home, Fernando Pérez-Barreiro) e, agora, dende Lancaster (Inglaterra) segue espallando as súas ideas nos blogs Desde Albion para Galiza e Viento de marzo.

Por parte de REGA-UK participaron Bea Pérez López e Melissa Caramés Asorey, como representantes do comité de xestión, e Alba Fernández Sanlés, como socia e voluntaria da Rede Galega no Reino Unido. Falamos de como nos organizamos, das actividades que ofrecemos e animamos a Alba a compartir o seu proxecto de expedición á Antártida con Homeward Bound.

Será a primeira científica galega en embarcar coa expedición de HB, que será a derradeira que se faga. Se queredes apoiala, podedes aportar o voso gran de area neste crowdfunding.

Grazas á xornalista Fernanda Tabarés, encargada do levar a entrevista, e ao IGADI e a Deputación da Coruña por invitarnos a participar no Maratón.


Segundo a web do IGADI, “tanto o Maratón como o Informe final que realizará o IGADI aspiran a ser un acontecemento para axudar a mudar o fluxo da normalidade na acción exterior de Galicia e as políticas tradicionais de Galicia coa súa emigración”.

“Good luck!”, dicimos nós.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *