Quedan 15 días para celebrarmos en Londres o Día das Letras Galegas e xa é hora de desvelar o programa da festa. Para nós é unha alegría anunciar que o grupo Zeltia vai vir desde Galicia para acompañarnos e facernos gozar coa súa música.
Este dúo, formado por Laura Zeltia Acuña e Miguel Carballido, comezou a súa andaina no ano 2018. Nas súas composicións mestúranse o folk, o rock e o blues con sons tribais. Inspíranse no legado cultural da nosa terra pero deixando sentir as súas influencias vitais, de aí a alternancia entre temas en galego e en inglés, unha herdanza do paso de Zeltia por Irlanda.
A voz e a guitarra de Zeltia e mais o bodhrán* de Migui Carballido convídannos a unha viaxe ao máis profundo da fraga, ese lugar onde o ser humano convive en harmonía coa natureza. En palabra de Zeltia, “espero que só me deixedes entrar ao bosque convosco, con esta música danzaremos e lembraremos o tempo da vida, os soños que aínda nos guían”.
Polo de agora teñen dous traballos publicados: Irevire e Kúzlo Duše (non sexades tímidos: facede clic e escoitade). Desde REGA-UK querémoslle dar as grazas a Zeltia por colaborar connosco e celebrar este día coa comunidade galega de Londres. Agardámosvos!
[*Para os que estabades a buscar en Google “bodhrán”, é ese tambor que leva Migui Carballido na man]