Colaboradores


Mi Madriña é un podcast en galego realizado por Carlos (galego-boliviano nado en Londres) e Davide (galego residente en Bournemouth). Unha vez por semana publican unha ración de faladoiro onde tratan do divino e do humano, inventan palabras (a nosa preferida: escoitachíns) e, de paso, promoven as actividades que organizan outros grupos da diáspora. De cando en vez convértense en trío, coa participación de Edgar.


Galego en Londres é o nome do proxecto educativo da Área de Galego do Instituto español Cañada Blanch de Londres. Pero xa hai tempo que saltou os muros da escola. Desde as súas redes informa do que fan os galegos do UK e de todo o relevante para a comunidade galega no país británico e actúa como un axente dinamizador da cultura galega na cidade de Londres. A súa páxina de Facebook ten máis de 8000 fans.


O Galician Film Forum (GFF) naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.


Os Galegos Morriñentos en Londres é un club social e cultural para os galegos establecidos na capital do Reino Unido. O grupo fundouse en maio do 2008 e ata o de agora non ten sede: a xente foise xuntando espontaneamente a través da súa páxina de facebook e na actualidade ten máis de 3500 membros. É un grupo aberto, de idades, profesións e gustos variados, con moito apego a Galicia pero tamén a Londres e ao mundo, e con moita gana de pasalo ben.