Londres celebra o Día das Letras Galegas 2018

A comunidade galega de Londres celebra o Día das Letras Galegas cunha intensa xornada de actividades

  • A festa será este domingo, 13 de maio, de 13 a 19 horas, no Haileybury Youth Centre
  • O programa inclúe o concerto do cantautor Leonardo Fernández ‘Leo’, un recital poético, a proxección dunha curtametraxe, unha foliada, obradoiros ou actividades infantís, entre outras accións

Londres, 10 de maio do 2018. A asociación Rede Galega en UK (REGA-UK) organiza este domingo, 13 de maio, unha completa xornada festiva para celebrar por adiantado o Día das Letras Galegas. Están previstas seis horas de programación que se desenvolverá no Haileybury Youth Centre [13-19 h, Ben Jonson Road, London, E1 3NN] e que incluirá un concerto do cantautor Leonardo Fernández ‘Leo’, un recital poético, curtametraxes, unha foliada, obradoiros de baile e pandeireta ou actividades infantís, por citar algunhas das accións do día.

A entrada anticipada ten un prezo de 10 libras e de mercarse na porta, o seu custo será de 12 libras. En ambos os dous casos, o tícket inclúe unha bebida e unha tapa. O acceso é gratuíto para os menores de 15 anos. Para a compra anticipada é preciso realizar o ingreso na conta bancaria número 73872742 (sort code 20-25-95) e poñer como ‘payee reference’ LETRAS-Nome-Apelido. A recadación destinarase integramente á organización de actividades socioculturais en Londres promovidas por REGA-UK.

Ademais de REGA-UK tamén colaboran na xornada outras organizacións socioculturais galegas da capital británica como TROULA, a Asociación A Caramiña, Galego en Londres, Galician Film Forum e Galegos Morriñentos en Londres. Precisamente, este último colectivo celebra os seus dez anos de vida coincidindo co evento do domingo.

Leonardo Fernández ‘Leo’ é un artista polifacético que conxuga a actividade musical coa creación poética. A súa traxectoria comezou no ano 1997, facéndose moi popular polo proxecto musical ‘O Leo i Arremecághona!!!’, onde dá renda solta á súa faceta máis punk e performativa e co que foi teloneiro da xira galega de Albert Plá no 1998. Con frecuencia, Leo precede o espectáculo punk con versións acústicas de autores da canción protesta galega e dos ‘Cantores de abril’, nome co que se coñece ao movemento de cantantes portugueses que se posicionaron en contra da ditadura no seu país.