A YouTuber e escritora coruñesa Isabel Villanueva presenta o seu libro “Palabras da miña vida” en Londres

  • O evento, organizado pola asociación Rede Galega en UK (REGA-UK), será este domingo no St John´s Hill Centre da capital británica

Londres, 3 de outubro do 2019. O vindeiro domingo, día 6 de outubro, entre as 11,30 e as 13 horas, terá lugar a presentación do primeiro libro da YouTuber Isabel Villanueva, mais coñecida coma “Isashopaholic”, no St John´s Hill Centre de Londres [Clapham Estate, St John’s Hill, London, SW11 1TY]. Trátase dun evento organizado pola asociación Rede Galega en UK (REGA-UK) en colaboración coa Axencia de Representación da escritora.

Trala presentación o 2 de maio na Fnac da Coruña e despois de levar o seu “O galego mola. Palabras da miña vida” ás feiras mais importantes de Galicia, “Isashopaholic” da o salto a Londres, cidade pola que ten un agarimo especial.

A presentación ten entrada libre ata completar aforo. Ademais, servirase café, té e biscoito caseiro. As persoas que asistan á terán a oportunidade de falar coa autora, mercar o libro e levalo firmado. Tamén poderán descubrir en primicia unha pequena mostra da liña de complementos que, baixo a súa marca de “Isashopaholic” e “O galego mola”, a autora ten previsto lanzar a finais deste ano.

Isabel Villanueva Mariño, nacida en Carballo, lánzase ao mundo 2.0 no 2010 cun vídeo en YouTube. A modo de hobbie ía subindo vídeos variados, de cousas cotiás que lle gustaba compartir. Pouco a pouco vai medrando en todas as redes sociais, pero hai dous anos foi cando deu o salto definitivo para dedicarse profesionalmente á xestión da súa marca persoal “Isashopaholic” e, posteriormente, crea “O galego mola”, un lugar onde comparte cos seguidores o idioma, lembranzas, impresións, reflexións, receitas en galego e lugares de Galicia. “O Galego Mola. Palabras da miña vida” é o seu primeiro libro e foi editado este mesmo ano por Hércules de Ediciones.

A autora, Isabel Villanueva, está dispoñible para facer entrevistas.

Contacto: Laura Costoya Santos 620 12 42 57