Quen somos

Somos un grupo de inmigrantes galegos que vivimos no Reino Unido e a quen nos une a paixón pola lingua e pola cultura galega. REGA-UK nace da vontade de crear unha rede que nos axude a apoiarnos uns aos outros. É un punto de unión, un marco de colaboración na defensa e divulgación da nosa lingua e cultura no Reino Unido.

Somos unha nova organización que xorde de colectivos galegos existentes no Reino Unido e tamén da vontade de persoas non afiliadas aos devanditos colectivos e que viven espalladas pola xeografía británica.

O noso obxectivo é incorporar contido cultural nas celebracións e eventos que organizamos e tecer unha rede que nos permita seguir medrando e incrementando a oferta cultural en galego no Reino Unido.

Community Interest Company

REGA-UK naceu como organización no ano ano 2018. A presentación oficial foi o sábado 13 de maio do 2018, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas en Londres. O evento foi un éxito e tomamos a decisión de nos constituír legalmente como organización.

A partir daquela comezou un longo proceso burocrático que rematou o 21 marzo do 2019 coa aprobación de Companies House e a constitución de REGA-UK coma Empresa de Interese Comunitario ( Community Interest Company – CIC). Toda a documentación está dispoñible na páxina web de Companies House e pódese consultar nesta ligazón.

As CIC son organizacións sen ánimo de lucro e o seu obxectivo principal é beneficiar a comunidade. Se queres saber máis sobre elas, podes visitar esta web.